sexta-feira, 19 de setembro de 2008

À beira da miséria

Estou no gueto como se estivese preso, teño pouca comida na nevera, pero leite e nescafé non me faltan e tabaco tampouco. Aquí me traen na furgoneta a iso das duas da mañá, cando remata o traballo, a porta do edificio queda nun sitio algo apartado, pola parte de atrás da fachada que dá a rúa, sempre esperan que entre no apartamento e que chame para marcharen. Onte había un que traía un coitelo na man, para os malfeitores dicía el, eu bromeei dicíndolle que hoxe non saíran, pero teño medo ao dar a volta, cando xa entro nese espazo agochado entre dous bloques, non hai ninguén, e cando subo as escaleiras, o portal nunca se pecha, escoito tentando descubrilos antes de que se boten a min, sempre tardo un mundo de tempo en abrir as tres fechaduras da porta. Dentro pecho, chamo e marchan, míroos pola xanela da cociña, e ao día seguinte volven a recollerme á tardiña. E o día pásoo coma un paxaro nesta xaula, por fortuna teño a conexión á internet, hoxe mesmo pasei boa parte da tarde (ou da mañá... xa non sei) lendo un libriño de Bukowski que me baixei desta páxina. Cando chego pola tarde ao traballo o xefe dime, qué, fodiches hoxe e eu respóndolle que non, pero por sorte tampouco me foderon a min. Só veño por unha semaniña, pero é a última que pasarei neste barrio suburbial, a próxima a un hotel no centro, os edificios non están mal, o piso é decente, pero esto é a fin do mundo, da parte de abaixo da rúa está o poboado de chabolas, cando saímos chámanlle con desprezo as cortes, les écuries, triste, porque son seres humanos coma nós, e habería que ver o que fariamos nós tan honrados e legais cando nos apretase os collóns a fame. Eles, os que me traen, tampouco é que vivan na abundancia, D. que me invitou á cea de ramadán o outro día na sua casa, ten cinco fillos e dividindo o seu soldo por sete dá a asombrosa cifra de 95 dinares ao día por cabeza, equivalencia aproximada a 95 céntimos de euro, e antes de entrar ao traballo tomamos xuntos o café, e... nunca me deixa pagalo, di que son o invitado. Se os traballadores do estado malviven con esa cantidade, non quero nin pensar cales son as cifras que manexan o veciños do lado de abaixo. Como non estou seguro de topar caixeiro nesta cidade, e como xa noutras ocasións teño pasado apuros por quedarme sen cartos e cunha tarxeta inútil na man, trouxen comigo o equivalente de dous meses de salario dun enxeñeiro estatal, non é gran cousa, podo gastalo nun par de semanas sen moito problema na capital. Eu, fillo dun obreiro, síntome aquí facendo parte dese mundo que sempre odiei, como un maldito rico. Boto de menos Galiza.

3 comentários:

llll disse...

se xuntaras relatiños así deste tipo dábache un libriño moi chulo. liches cousas de Miguel Anxo Murado? hai un moi interesante así, en forma de relato da súa viaxe. titúlase "Fin de siglo en Palestina". recoméndocho. habíche de gustar... terías que pedilo por correo, supoño... beijotes.

Raposo disse...

Gústame a forma que tes de narrar as cousas: aparentemente sinxela pero profunda, que te fai pensar.
Apertas.

rui disse...

Sarajess.Non, non lin pero xa creo que souben del no teu blog. Para o nadal volto e buscareino.

Raposo. Só é un pasatempo para matar as horas mortas lonxe do país, pero claro que aprecio que che guste. Un saúdo.