Ben, bien, xa voltei por enésima vez a esta beira do Mediterráneo, logo dunha noite en París, unha semana na Galiza e un día en Madrid, e desta vez penso que agotarei os tres meses do visado antes de marchar para casa, aló polo mes de decembro. Como sempre, xa é un costume, trouxen na mala (desta vez unha mochila pequena) unha botella de ron e dous libros, as trece badaladas de Suso de Toro e, por fin e logo de moito procuralo, Nove de María Lado, señora de casatlantica e dunha fermosa barriga á que xa lle queda pouco. Custoume bastante atopalo, como na vila non o había crucei a ría e alí tampouco foi doado, ao final na libraría de Patiño, logo de media hora (saín tomar un café mentres a rapaza o buscaba) apareceu no medio doutros, nin o levaran de volta ao almacén nin o devolveran á editorial. Fermoso e triste, como tiña que ser logo de tanta dor, a dor do desastre e a da humillación de ser tratados coma imbéciles. Porque a democracia ten que ser así, non se pode facer nada cando os ignorantes votan aos imbéciles para seren mantidos na sua ignorancia, e tratados coma imbéciles. En fin, o mellor era que desaparecésemos dunha puta vez, fóra a gaita, fóra a língua, fóra a história, comezar de cero, as catro novas províncias de Castilla y León, perderan o mar por Cantabria, agora que o tomen por este recuncho do noroeste. Eutanasia, para min o primeiro, que mellor ser pigmeo ou inouit, xente orgullosa que se chama a si mesma os seres humanos, que galego que se ten por burro de carga.
-Estoy moy orjulloso de ser castellano
-y sus abuelos en qué hablaban
-ay, no te sé decir, ya murieran, por desjracia
En fin, estou a me liar e non quería entrar no pesimismo, non vou mirar cara ao futuro, xa mirei hai un par de días, prefiro gozar no presente do pracer solitario da poesía. Foi mágoa non poder ir hai unha semana a Salvaterra, onde o pracer tería sido colectivo, teño muito que facere, non podo atender a todo.
Volto a estar na zona de ramadán e un pouco por educación e outro pouco por respeito dos seus costumes, como, bebo e fumo ás agachadas, aínda que seguramente hai moito musulmán que fai coma min, por iso agora vense nas tendas máis bolsiñas de froitos secos á venda. Alá cada quen coa sua conciencia. A relixión debera ser só algo íntimo e persoal, cando os estados a usan como bandeira só crea hipocresía.
Para todos os musulmáns honrados: Sahha ftorkum! (e para os outros, levádeo o mellor que poidades!)
Sem comentários:
Enviar um comentário