domingo, 14 de setembro de 2008

Mala hóstia que me asombras / ó pé dos meus cabezales...

Cheguei ao gueto de bastante mala hóstia, menos mal que a nevera estaba chea de auga, hai leite e nescafé, uvas e unhas filloas típicas desta cidade. Logo de estar todo o día sen lle botar nada á gorxa, por fin entro no oásis, e para que todo sexa cool e se desfaga este veleno que me leva comendo tamén topo un computador que por milagre ten a conexión a internet. Así que me atopo tomando cafés (xa non quedan uvas) e fumando.
É que dende a saida cara ao aeroporto comezoume a invadir este estado de ódio. Primeiro control, no taxi, ben, segundo mal, pára, abre maleteiro, non o leves á terminal que vaia a pé, logo de discusións chego á terminal en coche. Entrar no hall, control de mochila co escáner, paso do arco, cacheo manual. Facturar, control de documentación, cubrir o papel para a policía, control de documentos de novo, logo o avión sae unha hora tarde, iso é o de menos, non hai nin unha soa pantalla que avise do retraso, nin da porta de embarque, nin aviso por megafonía, para entrar no avión, aínda control do equipaxe de man, identificación da mochila facturada, cacheo a pe das escaleiras, xente con fusiles pola pista, máis forzas de seguridade que persoal de terra; máis que sentirme seguro síntome refén deles, e descubro que a chulería é un invento do terceiro mundo (deben ter a patente) cousas da miséria.

Vale, estas situacións sopórtoas normalmente, pero hoxe, co ramadán, as cafeterías da estación están pechadas, e non se pode fumar nos espazos públicos (nin beber-comer-foder) e iso fai que só me aparezan visibles as virtudes máis podres desta sociedade. Tentei botar un pitillo nos servícios, só que pareceume demasiado evidente, aguanteime.

Ao entrar no avión, sorpresa, a rapañota, os asentos non están numerados, sálvese quen poida, tocoume un veciño moi expansivo, toda a viaxe incómodo. Chegado aquí, a mochila rebentárana e parecía que limparan con ela a bodegha do avión, está para botala ao lixo. Despóis collín un taxi confiado, dixéranme que nesta cidade eran máis honestos que na capital, ou que no oeste, onde escoitar un acento estranxeiro saíndo da estación desperta a cobiza de calquera taxista que noutras condicións seguro é un musulmán exemplar, mas a tentación é demasiado grande. Todo moi ben até á hora do pago. Tirouse da moto, e coa mala hóstia que tiña púxenlle as pilas, non adoito facelo, pero hoxe díxenlle que era un voleur, je suis étranger mais je ne suis pas con! Baixou un chisco o prezo, aínda así xa ghañou o día.

Cando vin o barrio onde teño que pasar estes días... menos mal que non teño alma, senón teríaseme caído até ao inferno. O Gueto. Déranme unhas chaves e o enderezo. Aquí veño coma un fuxitivo, ao piso franco. Psicolóxicamente ambiente hostil.

Entrar no piso foi unha salvación. Prender un pitillo. État des lieux, topar este maná me reconcilia co universo. Escoito uns cds que merquei nunha tenda do aeroporto. Un día hei aprender como é que se pon unha canción no post e hei adobiar a escrita cun tema que leva soando todo este ano na radio, o hiphop arxelino de Lofti, gústame, cantado na língua da rúa, esa que o estado despreza e non hai escola que cha ensine. Derdja da rúa para aprender na rúa, o árabe estandar só é cousa dos medios oficiais, comunicacións, ensino... qué peniña que o que aprenden a falar na casa logo é considerado como algo vulgar (o día que un presentador da tele solta unha palabra na língua do povo ármase un rebumbio).

Buf, o meu sangue xa está purificado, comezo a falar de línguas, sinal de que xa chegou a curación!

Biquiños.

1 comentário:

Anabela Magalhães disse...

Tens um sorriso no meu blogue.
Beijocas