quarta-feira, 17 de setembro de 2008

Negro e branco

pola noite penso en follas de papel branco que non podería tocar cos meus dedos sen deixalas inservibles. Cando o ruído xordo das máquinas que están permanentemente prendidas afoga a iluminación cativa é a cor negra que domina, negro sobre as miñas roupas azul escuro, negro nas paredes e no chan de terra e cemento, negro de anos de derrames de aceite requeimado, negro de ineficiencia, negro de pobreza.

pola noite penso en follas de papel branco onde lembrar a túa elasticidade, a miña presa por que nunca acabe, o meu suor secando na tua pel, follas onde dar rodeos até pasar os ríos sen a axuda das pontes de palabras que nos fixan e que son imposibles, abrázame, pero máis forte, disimula que estou sensible, que necesito máis do que non tes para min.

pola noite o chan está tan negro que mesmo esas follas brancas sen esperanza son un puntiño de luz que me axuda a chegar até a cama. Sabes que hoxe lavei as sabas e o pouco que quedaba de ti marchou polo sumidoiro?. Qué maneira tan poética de saires da miña vida, disolta, líquida.

8 comentários:

mariademallou disse...

que bonita imaxe a das sabas...

sara jess disse...

"disolta e líquida". perfecto.

O Raposo disse...

Sempre gustei das follas de papel branco para ir enchéndoas os poucos, a modiño.
Noraboa por este blog que acabo de coñecer e que me parece moi interesante.

rui disse...

Grazas, raposo, xa tiña visto o teu fuciño en moitos comentarios. Adoro as follas de papel en branco (cando non son para o traballo, claro) pero co computador a cada paso úsoas menos.

rui disse...

Hei, sarajess, agora que o dis así, parece como se fose a obra dun Jack o destripador.

rui disse...

María, que non sexa nada o do médico-filósofo! un biquiño para a cousiña linda, cando naza.

Anabela Magalhães disse...

Mas que lindo texto, que prazer passar por aqui e ler-te emoções.
Também gosto das folhas em branco, desafiadoras, e quem fala de folhas de papel em branco, fala de folhas virtuais em branco, que vão dar ao mesmo.
Bj

rui disse...

sim, são emoções, é por isso que a etiqueta se chama e isto a qué vén?, e isto a que vem de se despir assim em público. Ainda bem que ninguém me conhece, ha,ha! A terápia do papel branco.