quarta-feira, 10 de setembro de 2008

De paseo

Apéome nesta cidade complexa e fermosa, aqui onde podo pasar uns días a admirar a arquitectura das rúas mas onde nin dobrándome o soldo faría o meu niño. Logo de pechar a mínima xestión que me trouxo, encho o resto da xornada a camiñar con rumbo non moi preciso tirando algunha que outra foto, orientándome de lembranzas e tamén dos planos (autobús, metro, barrio) que aparecen con bastante frecuencia. Tamén miro as sombras e decátome que levo quince minutos por esta longa avenida camiñando cara ao norte cando o meu destino difuso ficaba alá no sur. Vou correxindo a traxectoria cruzando a rúa, facendo a media volta sen que o sexa, buscando outras paisaxes co sol á miña esquerda.

Atraveso o parque onde unha natureza demasiado domesticada non me fai esquecer o asfalto, rodeo as augas verde podre do estanque, cheiro a excrementos de pato que me tiran a gana de botar media hora a relaxarme cos remos.

E pasiño a pasiño vai chegando a hora do xantar (o almoço!) fuxo dos restaurantes tan modernos que me fan sentir pailán coa miña camiseta, xa vella, do Intercéltico do Morrazo e o pantalón con algunha mancha de aceite que a lavadora non é quen de borrar. Logo vexo as salas de cine e topo o filme que vai reducir en duas horas o meu paseo. Non digo nada del, iso dá para outro post, outro día, se cadra.

Farto dos pasiños aproveitome da marabillosa eficiencia do metro que me deixa en vinte minutos á porta do hotel.

Por suposto que tamén, tamén, lancei a botella coa mensaxe de socorro para escorrentar a soidade, é unha ecuación tan complexa! tento definir o maior número posible de variables porén raras veces atopo o resultado correcto, ou mínimamente válido, e así, véxome obrigado a declinar o verbo estar acompañado nada máis que do caderno e a caneta que lle quitan o posto ao computador por un día.

E o viño que non falte (como ha faltar!)

4 comentários:

Anabela Magalhães disse...

Ah! Estás a falar de Madrid!

rui disse...

Sim, Madrid, coincidiu que teve de passar pelo escritório da companhia para pegar no passaporte com o novo visado e não dava tempo de apanhar o voo, assim que fiquei o dia inteiro a passear. Ah, e também fui até um ciber para escrever o post. Por certo que hoje os aeroportos estavam vazios, e só agora soube que é o onze de setembro.
Beijinhos à minha leitora mais fiel.

rui disse...

aliás, tive, eu

Anabela Magalhães disse...

Recebidos.
Muuuuuuuuuuuaaaahhhhhhhhh!
Retribuídos.