Canso destes nomes que nunca aprenderei a pronunciar preciso dun bálsamo de topónimos do país como unha canción de berce que me faga durmir quince horas seguidas. A abilleira onde faciamos voar os avións, molide do lobo, a horta na eira de pazos, o pereiro das viñas, canles, de maceiras e erva verde onde se enterraban os tratores, a raxeira do millo, o outeiro á beira da estrada, a mouteira entre as mimosas, ribeira baixando na bici, paradela de noite, rioboo, valboa camiño de santiago, ancorados, berres, río Ulla, meus amores deitádevos todos comigo como cando era rapaz e logo de empacar a erva seca durmía vestido enriba da cama. Qué poucas cousas cambiaron e cómo vos boto de menos!
Víndeme arrolar coa calor dos recordos para que peche os ollos e desperte na casa vella, no cuarto de enriba da cociña, coa ventá pousada nun mar de follas de viña.
2 comentários:
a cosiña vella, as brañas, o prado das laghartighas, a fonte do arxevido, a berberecheira, porta d'aghra, riu seco, ..... meu rei ...
Dende logo que me arrolaron ben esta noite, durmir reparador aínda que as sete me despertara cos cantos da mezquita. E si, tamén teño de rei por parte dos avós maternos, e gey por parte da avoa paterna, de Rianxo. En fin, como dicía o poeta -o sol e o mar á montaña /moito lle deben querer /coróalle o sol a testa /e bícalle o mar os pes. (que non vén a nada en particular mas fica moi intelectual) e son uns versos que se me pegaron na Vouga en Muros.
Biquiños
Enviar um comentário