segunda-feira, 29 de setembro de 2008

Vinte receitas de arroz e unha canción desesperada

Hai situacións raras de carallo neste país, pero desas que non che entran na cabeza, hai que aceptalo así e fóra. A festa de Laid (L'Aïd) celébrase con dous días festivos, xusto ao rematar o mes de ramadán, mas este mes pode ter vintenove ou trinta días e non se sabe até o serán do día vintenove. Ou sexa que mañá aínda non sei se teño que ir ao traballo ou quedar na casa. Parece que hai que mirar a saída da lúa, se xa aparece un cachiño entón rematou o ramadán, se aínda é lúa nova hai que se esforzar un día máis. Non sei se se decatan das dificultades que esto trae na organización de calquera traballo, mesmo das vacacións, para qué día collo o billete de avión? Ben, peculiaridades.

E como son dous días festivos e seica todo estará fechado, ou case todo, porque a xente marcha á aldea (le bled) que isto xa parece Vigo!, a maioría dos arxelinos son de fóra e aproveitan calquera ponte para pirarse; como non poderei mercar comida aproveitei hoxe para encher a nevera e o moble dos legumes, así que trouxen carne para alimentar unha familia numerosa, patacas, cebolas, allos, pementos, cogombros, uvas, leite, auga, limonadas, galletas e até chocolate (como remedio ao irremediable) e xa estou listo para catro días de ausencia de vida comercial e para experimentar as vinte receitas de arroz.

Esta festa lémbrame o nadal porque a xente estrea roupa e dálle regalos aos cativos. Moitos gastos para as economías medias, logo desta festa pasa como en Galiza no mes de xaneiro, queda pouca liquidez nos fogares.

Eu agardo tamén este festivo, en xeral a fin do mes santo, non só polo incordio que supón o non poder xantar ao mediodía, nin beber, nin fumar en público, tamén as tendas de alcool volverán abrir e poderei facerme de novo cunhas botelhinhas de coteaux de Tlemcen, e cervexa que farán que a canción non sexa tan desesperada.

7 comentários:

A Conxurada disse...

Eu non estou feita para tanto sacrificio...

un bico

rui disse...

Cando non hai máis remedio todos aguantamos, a única diferencia é que uns queixámonos máis que outros, eu, por exemplo, que son un mixiriqueiro.
(oes, a foto do teu perfil mete medo, parece unha posuída!)
Bicos.

LM disse...

bom... como uma megaponte destas que fecha todo em tres dias...paciencia...nom queda outra.beijos

oko disse...

non é mal plan o de reatoparse cos vicios mundanos despois de catro días de gardar as formas...

rui disse...

LM: menos mal que a lúa onte non apareceu, logo aínda traballamos (traballei) hoxe e só serán tres días de peche.

Oko: pois imaxina despóis dun mes! Mas eu os vicios mundanos atópoos ao voltar a Galiza, un cafeciño lendo o xornal pola mañá, uns cubatas pola noite.

Saúdos

paideleo disse...

Graciñas pola noraboa !.
Non chegarei aos tres millóns pero " bago a bago enche a vella o cabazo ".

rui disse...

Ben, de momento xa vas empatarme. Eu teño duas nenas, pero xa parei a produción! Son moi fermosos eses primeiros anos cos fillos, cando tanto precisan de un e tan pouco tempo libre deixan.