domingo, 12 de outubro de 2008
Relixión e estados irreparáveis
Quería comprar uns ovos para facer unha tortilla, xa comezo a ter experiencia no choio, mas subín primeiro até á praza, la placette chámanlle, e pasei pola tenda de licores, onde un dos dependentes fixo un bo chiste sobre a miña camiseta (mexan por nos e temos que dicir que chove) dicía algo de porno, que sobraba un S ou algo así, díxenlle que non, que quería dicir Pour Nous, fíxome rir o condenado e leveille unha botelliña de tinto, na rúa de novo, coa botella na bolsa xa non podía entrar na tenda de ultramarinos, o home é praticante, teñoo topado moitas veces a rezar atrás do mostrador e non quero que pense mal de min, mesmo se sabe que non son do grémio, así que merquei tabaco e voltei ao computador, e cun cacho de queixo que había na nevera e moitos vasiños deste sangue de mahoma xa dou por bo este serán de luns (é que aínda non me entra na cabeza que sexa sábado). Estiven nun foro do país, deste, e falábase dos seis fulanos que en Biskra foran condenados (anos de cadea!!) por comer durante a xornada de ramadán en público. Deixeilles a miña experiencia no país, como non crente, como estranxeiro mas vivindo con eles, aínda hai xente que o xustifica, cando, cando, pero cando a relixión ficará só no corazón e os estados se decidirán a facer só o seu traballo. Honte, vergonha, lotsa! Ogalla un día Arxelia non teña nada que lle envexar a Europa, remate a corrupción, o enchufismo, o governo dos militares, a puta miséria, a chulería do terceiro mundo, ogallá un día pasen a ser o segundo mundo, coma a Galiza, ou assim. Deséxolles o mellor, sobre todo que non se lles escapen os mellores cara Europa e só queden a desgovernar os máis inútiles fillos dos inútiles. A ver se me botan do país dunha vez e volvo traballar a Vigo!
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário