Tocou visita cultural a Chlef, se consideramos o traballo como cultura, si, pódese dicer que foi unha visita moi cultural.
E volvo topar relatos deses anos negros, a xente fala dos noventa como se fose hai cincuenta anos, lonxe, lonxe. Sempre os escoitas en primeira persoa, quen cho conta non che fala de oídas, porque de oídas poderíache contar centos de casos, sempre é unha situación violenta (explosións, tiros, mortes) vivida polo que a narra. E nunca topas nin a mínima pegada de orgullo, ninguén o conta coma unha valentía, máis ben co alivio de que xa teña rematado e estar enteiro. Houbo moito medo.
De todo iso aínda quedan residuos, hai quen di que mantidos polo exército para conservar o negocio suculento da seguridade. Esta mañá vin aos operarios dunha compañía estranxeira a choiar en campo aberto, na electrificación da vía, e estaban protexidos por dous fulanos de paisano con fusís de caza ao lombo que dende un outeiriño os vixiaban (a eles, non aos arredores!), semellaba máis unha imaxe dun campo de traballos forzados que outra cousa. Por sorte no meu podo pasar un chisquiño máis desapercibido.
E como é ghratis poño unha foto que alí fixen, xa hai meses, para o que teña inquedanzas ligüisticas. En árabe leríase Ash-Shlaf, aínda que os as pronuncíanos es e quítanlle o artigo, mesmo ao falaren no árabe da rúa, así que queda Shlef, ou, coa grafía francesa (portuguesa, também) Chlef. En galego habería dar algo coma Xlef, que máis parece protocolo de comunicación do computador que nome dunha cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário