sexta-feira, 7 de novembro de 2008

Seres indecentes

Indecente sinceridade estudada para desarmar ao outro, escolas de miradas puras e insistentes, que nin se apartan dos teus ollos nin sequera pestanexan, duelo de honradeces, só para vender unha póliza de seguros.

Indecentes mans treinadas para comprimir a do outro, academias de apretóns de mans trituradoras de metacarpios, finxindo que é o corazón o motor desa forza cando só é o manual do representante o que lle calcula os kilonewtons en función do peso do adversario.

Indecente cordialidade invitando á apertura que rápidamente se amortece cando o afable imitador de ser humano descobre que non es ti o animal a cazar.

Indecente pallaso que pon colado ao seu nome os seus estudos, o seu posto na empresa, as suas propiedades, seres semi-humanos... ou quizáis demasiado humanos para que consigan pasar polo burato estreito da miña gorxa.

2 comentários:

homedegris disse...

encántame.

rui disse...

Alégrame moito que che guste. Xa hai tempo que teño atravesada esa falsidade, debe ser que son algho primitivo ou teño a pel fina demáis.