quinta-feira, 23 de outubro de 2008

A aguadar pela incompatibilidade

Agardandando, pedindindo ás particulas en suspensión do aire, que soe o móbil, ou como pouco que vibre un chisquiño e apareza o teu nome na pantalla. E baixe a correr mercar unha botella de martini. E acudas á chamada do meu arroz con pavo-perú-dinde. E me contes a tua vida alá en Qatar, e eu a miña nesta Arxel que ti coñeces tan ben como eu as corredoiras do monte da miña aldea.

Mas pedindindo, máis ben esperando con esperanza desesperada polo teu corpo apretado nesa roupa tan sofisticada que me afoga, e non sei nin por que caminiño se chega á porta que fai cair ese disfrace ben estudado. Non che sei, eu tan espido e ti con tantos tantísimos abalorios, con ferramentas tan dispares non é doado de facer funcionar nin o mecanismo dun chupete. É coma se un astronauta quixera acoplarse cunha bacteria que topa en Marte. É un chisco difícil, aínda que habendo amor... xa se sabe, supéranse todas as dificuldades.

E como son home de acción (?!) case baixo, estilo foghete, visto non visto, até á tenda de licores e traio o martini, e comezo a botella, e logo, cando xa estea seguro que non chamas tereina medio rematada e a tristura ou a decepción toparan as entradas pechadiñas, a miña cabeza xa dándolle voltas a outros asuntos, contigo alá lonxe, falando inglés e árabe polos cóbados eu aquí co francés e o galego saíndome por debaixo das unhas, manchando o teclado de gilipolleces.

Veña, ikusi arte, mulher chea de brillantes que pasaches un día á beira da miña cama sen deixar nin unha soa pegada no edredón.

2 comentários:

A Conxurada disse...

Un texto fermosísimo...que envexa, se un home me escribise algo así, non me chegarían as pernas para correr ao seu carón...en fin...un bico.

rui disse...

Sobran homes que escriban cousas lindas, faltan os que as fagan (non te fíes dos primeiros ;)
bicos