quinta-feira, 23 de outubro de 2008

Despertar

Que durmo, que non durmo... oito da mañá e xa non hai maneira, quería comezar a fin de semana hibernando coma un oso mas as oito horas sobran e o corpo non aguanta máis en horizontal. Precisaría unha ronda nocturna até ás sete da mañá, facéndome a boca ron comezaría polo Cangaceiro e remataría no último dos últimos, volvendo a casa aplastado pela luz delatora do novo día. Entón si, entón durmiría até ás duas ou tres da tarde.

Postos a madrugar busco o lado práctico e quero baixar ao centro para adiantar o traballo, el-khedma, (el-؏mel en normativo), estaba o tempo gris facéndome dubidar, recollo a roupa do balcón? hala, aí se queda, poño unha chaquetiña e se chove que chova, bótome á rúa, qué carallo, faltaría máis que un galego tenha medo da chuva. E veñen as alegrías unhas atrás das outras, vou cambiar 100 euros no mercado negro e danmo a 113, cando no banco está a 81. Este verán, co dólar no máis baixo dábancho a 118.

Logo comezo a baixada, chamada de teléfono, boas novas, os amigos topan traballo. E aínda non levaba nin medio quilómetro cando topo ao taxista en sentido oposto que cruzaba de casualidade por alí (tamén el se chama Alí). Fálolle dos plans que teño, do material que ando a procurar e me di, viens, je t'enmène! e lévame a unha tenda dos BeniM'zab, que tanto che venden un saco de cemento coma un térmico trifásico, teñen fama de teren todo todo, mas non é certo, exactamente non tiñan o xustiño que eu precisaba mas apañeime.

Saíu o sol, paramos tomar un cafeciño en Cité Malki, deixoume na placette, e fixen as compras, por fin, de novo volvo ter cebolas para poder lembrar o arrecendo da cociña de mamá o sábado pola mañá, cando aínda dando voltas na cama, tentando fechar todos os soños comezados, se abría o novo día co son da cebola a se fritir no aceite, e aínda hoxe, tantos anos despóis, ao despertar coa chuva a bater no tellado, ese repenique similar ao da tixola, faime voltar a aquel cuarto compartido, a aquel mundo no que a luz chegaba adornada co arrecendo do refogado.

2 comentários:

carameleira disse...

Como me alegrou que madrugases!
e mira unha cousa... xa tes selos e sobres?
ou desapareceunos da lista da compra o aaueliño misterioso?
bicos

rui disse...

Hóstias, rehóstias, benvida!
Quiteino da lista para que non fora apodrecer, mas non o dou quitado da cabeza. (nin quero!)
Alégrame moito a tua visita.
Moito, moito.
Mil biquiños.
Ou dous mil.
Bueno, un tractor cheo deles.