sábado, 4 de outubro de 2008
A fábrica de caramelos
Nun momento atopeime paseando pola beira do mar e non sabía quen era, nin de onde viña, nin cara onde ía. Non sabía se habería alguén agardando por min nalgures, ou perseguíndome, ou se había vacas adoecidas que berraban por que fora muxilas, ou se tiña que entrar ao traballo, nin se traballaba, nin se tiña familia ou país, nin sequera lembraba se estaba namorado ou cal era a miña língua. E como esto me xurdiu camiñando, seguín a mover os pes, e acabouse a praia e comezou unha rúa con plátanos a cada lado, e seguín, cheguei aos estaleiros, e unha hora despóis estaba no centro dunha cidade, e nun painel publicitario mirei a foto dun neno comendo un caramelo, e o nome abaixo en letras vermellas, e de súpeto véuseme unha luz, era a miña fábrica, cos seus máis de trinta concentrados de aromas fortísimos e misturados que provocaban náuseas, a perda do olfacto e, por veces, buratos inquietantes na memória. E pensei ogallá só sexa un soño. Mas tiña os ollos abertos, comezaba a chover e só faltaban quince minutos para entrar a fichar.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
3 comentários:
Pois non che digo nada de min que traballo nunha fábrica de pensos animais !.
Que estaba a dicir eu ?.
os caramelos teñen sempre unha parte nondoce. é un texto ben fermoso e gustei moito del.
saúdos dende godot
Paideleo: este conto non é certo claro, mas coñezo a un rapaz que traballou nunha fábrica de caramelos e faloume desas amnésias totais. Isto me recorda o amarelo que usabamos hai anos para as poleas, viña marcado en pequeniño "o seu uso pode afectar á capacidade reprodutiva". Por sorte xa estou reproducido!
Osondaxordeira: benvida, non te coñecía o blogue, veño de visitalo. Grazas polo cumprido. Emocionoume ler o nome da parróquia da miña nai no teu último post.
Saúdos
Enviar um comentário